Thursday 09 de May de 2024

O Concello amosa o seu compromiso co Circo de Artesáns na conmemoración do seu 177 aniversario


A concelleira da Área de Benestar Social, Yoya Neira, interveu no acto levado a cabo esta mañá

A concelleira da Área de Benestar Social, Yoya Neira, interveu esta mañá no acto de conmemoración do 177 aniversario do Circo de Artesáns. A edil estivo acompañada por Roberto Parga, presidente da entidade.

Neira destacou o compromiso do Goberno de Inés Rey coa institución, coa que ten asinado un convenio de 91.000 euros para o desenvolvemento da súa actividade. “O Circo de Artesáns mantén esa capacidade para ser un axente social de toda a cidade, cunha programación que superou o ano pasado as 230 actividades”, sinalou a concelleira.

Neira destacou as melloras levadas a cabo nas instalacións da man do Goberno de Inés Rey, como o acondicionamento da sala de estudos e a catalogación dos seus fondos bibliográficos. Tamén destacou o importante papel histórico da institución, pola que pasaron personalidades como Emilia Pardo Bazán, Rosalía de Castro, Manuel Murguía ou Unamuno.